Friday 03 de May de 2024

O Delegado do Goberno aberto á demanda do Concello de conectar os paseos marítimos de Oleiros e Cambre


O Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, confirmoulle esta mañá ao alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, que tratará de resolver positivamente as demandas do Concello en relación á conexión do paseo marítimo desde Beiramar ata a nova zona verde do Seixo, que a Dirección Xeral de Costas pretendía deixar sen completar. Ábrese así un novo capítulo nesta obra integral de dragado e adecentamento do fondo da ría do Burgo, que foi tratado nunha xuntanza esta mañá, na que ademais da máxima autoridade do Estado Central en Galicia e do alcalde, participaron a Subdelegada, María Rivas; o xefe da Demarcación de Costas en funcións, Carlos Gil, e o concelleiro de Obras públicas e Medio ambiente, Antonio Molinos.

Completar ese pequeno treito de paseo supón a conexión natural das dúas vías litorais: a que procede do norte, desde Oleiros, e a que vén desde a desembocadura do río Mero, en Cambre. A pretensión de Costas era que o percorrido se realizase polo interior, a través dos camiños do parque do Paraíso, deixando o borde litoral sen permeabilidade, o que supuña unha inexplicable interrupción da senda marítima.

Se a pretensión municipal é aceptada por Costas, asinaríase un documento de colaboración entrambas institucións para rematar a obra dentro do proxecto de dragado da ría.